01050005.01.jpg
Vista actual da fachada (© Miguel Vidal)

Edificio García Flórez

Trátase do pazo García Flórez, erguido a finais do século XVIII por Antonio García Estévez Fariña e mais a súa esposa Tomasa Suárez Flórez, aproveitando e respectando outro pazo anterior de menores proporcións.

É, xa que logo, unha casa grande señorial urbana con pórtico de soportais de tres arcos sobre robustas columnas na súa fachada fronteira, de grandes proporcións. Conta esta fachada con tres portas de decoración circundante no primeiro andar e dúas no segundo, que dan a senllos balcóns que dobran cara ás fachadas oriental e occidental e que flanquean o grandioso escudo helmado, que noutrora estaría dourado e policromado, e dúas gárgolas nas esquinas do tellado. Na súa fachada meridional presentaba unha única porta na parte oriental da planta baixa, correspondéndose os vans cos da principal nos dous pisos, cun só balcón corrido. A fachada que dá á rúa Pasantería ofrécenos unha "movida distribución de ocos" que marcan claramente o ritmo das escaleiras na súa parte central.

No momento de ser adquirido para Museo, estaban alugados ó Concello os dous andares e o baixo á viúva de Paz Vidal como almacén para o seu negocio de funeraria. Un dos últimos destinos do edificio foi o de sede da Escola Normal de Mestras dende 1881 ata 1930. Nos primeiros anos da década dos trinta o primeiro andar estivo ocupado pola Escola Graduada de Nenos e o segundo como vivenda do Director da mesma.

01050005.02.jpg 01050005.03.jpg
Fachada oriental e xardín despois
da apertura da rúa Juan Novás
Edificio nos anos 30,
antes da súa restauración para Museo
Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra