Exposición Manuel Moldes Pontevedra suite 1983-1987

Do 27 de xullo ao 17 de setembro de 2017 as salas de exposicións temporais do Sexto Edificio acollen a mostra Pontevedra suite 1983-1987 que recolle a obra do artista pontevedrés Manuel Moldes realizada durante uns anos transcendentais no seu proceso creador. A inauguración terá lugar o xoves 27 ás 20 h.

Na mostra, comisariada por Ángel Cerviño e coordinada por Alberto González-Alegre preséntase ao público unha ampla escolma das obras que resultan fundamentais na súa carreira artística. En apenas cinco anos, entre 1983 e 1987, Manuel Moldes vivirá unha etapa de excepcional creatividade e realizará algunhas das series pictóricas especialmente significativas e esenciais da súa carreira, entre as que, sen dúbida, se atopan non poucas das súas indiscutibles obras mestras.


O abó Gran Dida no sillón, 1983
Óleo mixto sobre lenzo, 250 x 200 cm
Museo Municipal Quiñones de León, Vigo


Pontevedra durme, 1983
Óleo mixto sobre lenzo, 200 x 250 cm
Colección Xunta de Galicia, Santiago de Compostela


As mozas de Pontevedra, 1984
Óleo mixto sobre lenzo, 280 x 250 cm
Colección CGAC, Santiago de Compostela


O rapaz dos recados, 1985
Óleo mixto sobre lenzo, 200 x 150 cm
Colección particular, Baiona


O equipo de football, 1984
Óleo mixto sobre lenzo, 150 x 200 cm
Colección particular, San Sebastián


Hombro con hombro, 1985
Óleo mixto sobre lenzo, 232 x 178 cm
Colección ACS, Madrid

Poderíase, cronoloxicamente, sinalar o punto de inflexión e o inicio do ciclo na inaugural e solemne pintura titulada O abó Gran Dida no sillón, de 1983, pero xa nese mesmo ano aparecerán outras obras fundamentais como Pontevedra durme ou Artellando pouco a pouco, inmediatamente despois. En 1984, sairá do seu obradoiro, entre outras pinturas memorables, As mozas de Pontevedra, que sen dúbida é un dos momentos de apoxeo do ciclo. Ao ano seguinte seguirá imparable e ampliará a serie, e as grandes obras sucederanse a un ritmo vertixinoso: O rapaz dos recados, Aubea o lobo, Hombro con hombro, A canteira e o maxestoso Cristo das Rías Baixas; todas elas do ano 1985, certifican o estado de graza en que o pintor se atopaba. O período péchase, no que a esta exposición concirne, co monumental mural realizado para a sede pontevedresa da UNED en 1987 (que significativamente se titulará O río da vida) e que, cos seus máis de 12 metros de lonxitude, ponlle dunha forma grandiosa o ramo a este percorrido de Moldes polo espazo simbólico da infancia e a memoria.

O nexo de unión de todas estas obras, o fío conceptual que conecta as imaxes e articula o discurso non é outro que a vontade de construír, a partir da experiencia persoal, un territorio mitolóxico de valores imperecedoiros; Pontevedra encarna ese espazo alegórico, pero é unha Pontevedra que xa só vive na memoria das súas cidadás e cidadáns. Dalgunha forma, estas series de cadros propóñense preservar un mundo que xa se está desvanecendo e que o artista se obstina en documentar desde unha perspectiva mitopoética ou, o que é o mesmo, desde a construción simbólica da identidade, tanto individual coma colectiva. Unha introspección que ben poderiamos denominar “antropolóxica”, xa que atende a todas as manifestacións do feito cultural e civilizador, e faino de tal modo que transcende o local, levándoo á súa máis rotunda expresión para alcanzar a raíz do humano universal.

Sexto Edificio. Do 27 de xullo ao 17 de setembro

Actualizado 24/07/2017 00:00

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra