Idade do Bronce (cont.)
Estas tres columnas sobre as que se asenta a colección de fondos arqueolóxicos do Museo non só son produto de depósitos de carácter eventual, senón que en boa parte derivan da actividade investigadora de campo levada a cabo por equipos vinculados directa ou indirectamente ó Museo. A comezos da década dos cincuenta, en coincidencia coa remodelación dos espazos expositivos, o Museo presentaba no III Congreso Nacional de Arqueoloxía os primeiros froitos da recompilación de xacementos arqueolóxicos provinciais, coñecida como Carta Arqueolóxica da provincia de Pontevedra: un inventario elaborado basicamente polo secretario da institución, D.Alfredo García Alén, e que ó longo do tempo se transformou nun enorme ficheiro de datos de valor inapreciable para a investigación arqueolóxica. Foi daquela cando deu comezo unha intensa actividade de campo que acabará abranguendo, en liñas xerais, todos os períodos da antigüidade, dende o Paleolítico -coas escavacións dos anos oitenta no coñecido asentamento das Gándaras de Budiño- ó Megalitismo, con campañas sistemáticas en túmulos da península do Morrazo (Chan da Armada, Chan de Castiñeiras, Chan da Arquiña, Chan da Cruz), de Oirós, das Rozas, As Pereiras, Monte de Mon, etc, nos que se localizaron extraordinarios enxovais funerarios e onde se produciron as primeiras análises paleobotánicas, paleoambientais e radiocarbónicas do fenómeno. Pasando pola Idade do Bronce, da que se analizaron fases ata entón pouco ou nada documentadas, como a Calcolítica -xacementos de Regueiriño, Fontenla, Lavapés, O Fixón, Chan de Armada, Gandón, Guidoiro Areoso, etc-, investigáronse asentamentos do Bronce Pleno, como O Casal e Chan dos Carrís, e levouse a cabo a documentación e catalogación de máis de medio milleiro de complexos de arte rupestre. A investigación sistemática en asentamentos da fase castrexa de formación -os castros de Torroso, Penalba e Monte das Croas serviron para definila por vez primeira e adscribila á transición Bronce-Ferro-, de desenvolvemento -co xacemento excepcional da Lanzada- e castrexo-romana -na que salientan as escavacións na Lanzada, Troña, Vigo e Santa Trega-, contribuíron de forma decisiva ó coñecemento dun mundo de tanto valor simbólico en Galicia como é o do fenómeno castrexo. Ó cabo, o período galaico-romano foi obxecto de investigacións de campo con escavacións como as do tantas veces citado xacemento da Lanzada -coa súa magnífica necrópole- ou as vilas de Porta de Arcos ou Pinténs. Pola súa banda, as prospeccións arqueolóxicas subacuáticas auspiciadas polo Museo a comezos dos oitenta descubriron un mundo cheo de posibilidades; por exemplo, os tres cepos romanos de Punta Udra ou as máis de trinta controvertidas fondeaduras líticas recuperadas en augas do Morrazo, que non foron obxecto de atención posterior. En resumidas contas, alén da súa xénese e da súa entidade, alén do seu carácter de colección, os fondos arqueolóxicos do Museo poñen de manifesto cómo, xa dende a súa fundación, o Museo xogou un papel de relevancia na investigación do patrimonio histórico e na xeración de coñecemento sobre a máis antiga actividade humana desenvolvida no territorio galaico. |
|||||
| © Copyright 2004-2011, Museo de Pontevedra. Reservados todos os dereitos. Pasantería, 2-12 - 36002 Pontevedra ES - Teléfono: +34 986 85 14 55 arriba | inicio | contactar | aviso legal |