Idade do Bronce

Por fin, a terceira colección arqueolóxica representativa do Museo tamén foi xestada nos tempos da Sociedad Arqueológica, e dende aquela non deixou de medrar. É a integrada polas producións metálicas da Prehistoria recente galaica, o que en termos xerais se coñece como Idade do Bronce. Así, ós séculos centrais do III milenio a.C. vincúlanse os primeiros obxectos de cobre, entre os que destacan as machadas planas e os puñais e puntas de xavelina que exemplifica o depósito de Monte das Cabras. Os inicios da Idade do Bronce propiamente dita, xa a comezos do II milenio, están representados por varias machadas planas de fío desenvolvido e as dúas machadas e os dous pequenos puñais de empuñadura de remaches do conxunto de Codeseda. Do establecemento de rutas comerciais a longa distancia por vía marítima durante a Idade do Bronce para o abastecemento e intercambio de mercadorías son testemuñas o pequeno puñal de lingüeta remachada do río Ulla, a espada de Meira, tamén de coroa de remaches, e, con bastante probabilidade, o puñal de tipo licio dragado no río Ulla. Unhas rutas Atlántico-Atlántico e Atlántico-Mediterráneo que acadarán o seu maior desenvolvemento durante a etapa transicional entre o II e o I Milenio a.C., xa durante a plenitude da Idade do Bronce, e que na colección do Museo se ven reflectidas nos estoques británicos de lingüeta trapezoidal dragados no río Ulla, nas espadas atlánticas de lingüeta calada tripartita e folla nervada de aspecto pistiliforme, dragadas tamén no Ulla, e na espada dragada en augas do río Miño fronte a Salvaterra. E, por suposto, o colapso económico que supuxo a fin da Idade do Bronce a partir do século VIII a.C. ponse de manifesto no emprego da reciclaxe e nas peculiares aliaxes das machadas de tope con argolas, presentes en depósitos como os de Samieira -156 exemplares-, Noalla, Mougás, Cabeiras… ou O Hío (seis machadas de tope cunha argola, unha machada tubular, un escoupro, tres puntas de lanza, tres ganchos de encabado tubular, dúas braceiras macizas de extremos abertos e anacos dunha espada en lingua de carpa e dun caldeiro de remaches cónicos, ademais de restos de fundición).

03010003.01.jpg
Espada
Idade do Bronce, s. X a.C.
Dragada do río Ulla
03010003.02.jpg
Depósito de Samieira
Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra