Ourivería antiga

En 1927 fundábase o Museo de Pontevedra como consecuencia lóxica da actividade da Sociedad Arqueológica e con intencións similares. A incorporación ós seus fondos de obxectos prehistóricos e antigos intensifícase e diversifícase, e así foi tomando corpo outra das súas coleccións emblemáticas: a de ourivería antiga. Hoxe, o Museo pode estar orgulloso de contar cun conxunto de pezas que suma, ás súas evidentes condicións de espectacularidade e de atractivo estético, un enorme volume engadido de información histórica. É o caso dos tres conxuntos dos inicios da metalurxia: o Tesouro de Agolada, con dúas argolas-lingote e unha gargantilla de lámina repuxada e incisa formando métopas; o famosísimo Tesouro de Caldas, do que se conservan un peite, tres vasos -dous con decoración xeométrica incisa-, vinte e oito argolas-lingote macizas, tres lingotes-barra e seis anacos dunha lámina de tiras do estilo da de Agolada, todo o cal superaba en orixe os vinte e cinco quilos de peso -dos que se conservan 14,9- que ós valores simbólicos e históricos une a maior acumulación de ouro das coñecidas ata hoxe en toda a Prehistoria europea; e por fin, as dúas braceiras atopadas en Lamela. Algo posteriores no tempo, pero tamén dos inicios da Idade do Bronce, son o chamado Tesouro de Caldas II, integrado por un aplique cónico e cincuenta e tres laminiñas de ouro enroladas, procedentes dos anacos cortados dunha antiga diadema de liñas repuxadas, e o estraño conxunto de espirais de prata atopado en Antas de Ulla.

03010002.01.jpg 03010002.02.jpg
Tesouro de Caldas e Reis
Idade do Bronce, III-II milenios a.C.
Tesouro de Foxados

A tradición ourive galaica acadará o seu cénit ó longo do período castrexo da Idade do Ferro. Dentro da ourivería castrexa, o elemento paradigmático será o torques, que se converterá en elemento esencial para a ostentación da riqueza e o rango. Esta nova maneira de entender a ostentación da riqueza vémola noutro dos conxuntos de xoiería que custodia o Museo: o chamado Tesouro de Foxados, con catro torques de deseño simple e remates en forma de peras lisas e outros dous que destacan polo seu aparato decorativo. A estes tempos tamén se vincula o Tesouro Bedoya, acumulación de obxectos heteroxéneos agochados nun recipiente romano de bronce con tapadeira: unha diadema de lámina de ouro repuxada, dúas arracadas tabicadas con pequenos arames trenzados adheridos, outras dúas arracadas con decoración entomorfa a base de granulado e pequenos arames trenzados adheridos, dous aneis con pedras semipreciosas, vinte e sete denarios e dous áureos. As delicadas arracadas de O Irixo e Cances completan a colección de ourivería.

Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra