A epigrafía romana

En 1896 establecíase o museo permanente da Sociedad Arqueológica de Pontevedra, benemérita institución creada dous anos antes para “…o estudo das ciencias arqueolóxicas, a adquisición e conservación de todos os obxectos dalgún mérito e o fomento desta clase de estudos”. Desta forma se iniciaba o amoreamento sistemático de inscricións romanas que conduciu á reunión dunha colección que sería a base fundamental da sección de epigrafía romana do Museo, integrada hoxe por medio centenar de inscricións votivas e unha trintena de funerarias que proporcionan unha valiosa información sobre a organización social e intelectual da poboación galaico-romana nesta rexión da antiga Gallaecia. Entre as votivas destacan conxuntos tan sorprendentes como os do castro do Monte do Facho -consagradas a unha divindade indíxena de estraño nome, Larius Breus, con variantes-, os dous exemplares dedicados a Vestius Aloniecus descubertos en Lourizán, a pía monolítica de Mougás ou o anaco de inscrición monumental de Santa Eufemia. Tocante á trintena de inscricións funerarias, amosan a presenza dunha onomástica predominantemente latina -Faustinus, Fronto, Iunius, Lentinus, Lucius, Marcella, Placidus, Quintus, Rufinus, Rufus, Seneca, Severus, Titus, Vitalis…-, grega -Cresopes- ou indíxena -Pusinca, Colupata…-. Por último, un grupo de estelas antropomorfas -algunha, anepigráfica- poderían revelar a transición ó cristianismo.

03010001.02.jpg
Ara a Diana
Período Galaico-romano. s.II-III
Granito
Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra