Cámara da Numancia A fragata Numancia foi o primeiro buque acoirazado que posuíu España. Comezouse a súa construción en 1862 no estaleiro francés Forges et Chantiers de la Méditerranée (Tolón), procedéndose á súa botadura en 1863. O seu nome permanecería unido ó de Méndez Núñez e ó bombardeo de El Callao. Nunha pequena sala, a modo de antesala do que será a reconstrución da cámara da Numancia, atopará o visitante varias imaxes de Méndez Núñez (fotografías orixinais, gravados, unha estatua de mármore) ó lado doutros obxectos (cadernos de bitácora) e referencias á participación no bombardeo de El Callao (gravados representando imaxes do ataque ou dos comandantes das fragatas que participaron), destacando sobre todo iso o modelo da Fragata Numancia previo á súa construción, que presenta algunhas variacións con respecto ó buque unha vez construído.
Unhas estreitas escaleiras de madeira nas que alumea un farol mariñeiro conducen ó lugar culminante da exposición: a cámara da Numancia. Iluminado tenuemente, este máxico recinto faille sentir ó visitante que está verdadeiramente no interior do famoso barco. As paredes coa curvatura propia dos costados do buque, o estreitamento cara a popa, o chan algo empenado, os obxectos alí colocados... proporcionan esta sensación. Os mobles do propio barco, uns curiosos candeeiros cun particular mecanismo para contrarrestar o balanceo, unha hamaca e uns anteollos que pertenceron a Méndez Núñez, louza e outros obxectos da Compañía de Indias, unha cafeteira de mediados do século XIX, copas de champaña colocadas nun moble apropiado para evitar que caian co abaneo, curiosas cartas náuticas de 1860 e 1861 pegadas sobre tea para podelas enrolar e desenrolar sobre dous eixes paralelos, fotografías de 1866 de barcos da escuadra do Pacífico e os seus tripulantes, óleos, etc., son algúns dos obxectos expostos que pode contemplar o visitante. No centro, sobre a mesa na que noutrora se reunirían xefes e oficiais, expóñense unha carta náutica de El Callao de 1840 e un bosquexo do momento coa situación da escuadra española e a súa evolución no ataque a este célebre porto (2 de maio de 1866).
|
|||||
| © Copyright 2004-2008, Museo de Pontevedra. Reservados todos os dereitos. Pasantería, 2-12 - 36002 Pontevedra ES - Teléfono: +34 986 85 14 55 - Fax: +34 986 84 06 93 arriba | inicio | contactar | aviso legal |