Sala de Mariños e Navegantes A segunda sala presenta uns fondos máis variados, rompéndose dalgunha forma o título de Sala de Mariños e Navegantes que recibiu en anos anteriores. O visitante atopará nela referencias directas a mariños e navegantes ilustres, pero tamén outras pezas que se expuxeron alí ante a falta dun espazo expositivo máis amplo. Modelos de barcos, panoplias de armas, bandeiras, óleos e gravados, restos e referencias ó combate naval de Rande... son algúns dos fondos que observará o visitante ó acceder a esta sala. Nela chamará a súa atención un curioso sofá que reproduce nos seus brazos as galerías de ventás dos costados de popa dun navío de finais do século XVIII e principios do XIX.
Sobre el exponse o adorno de popa dun buque de finais do século XVII. Está constituído por unha aguia bicéfala, símbolo da Casa de Austria. Fronte a ela e ó moble descrito exhíbese un modelo antigo da nao Santa María, a célebre nave capitá da primeira viaxe colombina, coñecida tamén na súa época como La Gallega, se cadra construída nos estaleiros de Pontevedra, como argumenta García de la Riega. O modelo exposto correspóndese coa reconstitución realizada en 1892 para celebrar o IV centenario do descubrimento de América.
|
|||||||
| © Copyright 2004-2008, Museo de Pontevedra. Reservados todos os dereitos. Pasantería, 2-12 - 36002 Pontevedra ES - Teléfono: +34 986 85 14 55 - Fax: +34 986 84 06 93 arriba | inicio | contactar | aviso legal |