Sala das orixes da Mariña

A lembranza das navegacións da Antigüidade está presente na primeira sala cunha interpretación da Torre de Hércules como faro realizada por Carlos Sobrino. Pero sobre todo salienta nela o recordo das invasións normandas de mediados dos séculos IX e X. Galicia sufriu estas invasións que orixinaron a construción de varias torres na costa para contrarrestalas ou evitalas. O debuxo por parte do mesmo autor dos restos da torre situada na praia da Lanzada, ou as fotografías das Torres do Oeste en Catoira son só algúns exemplos.

Detalle do modelo de barco viquingo coas Torres de Oeste ó fondo 03090001.01.jpg

A carón destes testemuños e referencias ás invasións viquingas, exponse un modelo das embarcacións que usaban estes grandes navegantes. Trátase da nave de Gokstad, atopada en 1880 nesta localidade norueguesa baixo un túmulo de terra, ó ser convertida en panteón funerario. O modelo que se expuxo ó inaugurarse as Salas Navais fora regalado polo rei Oskar II de Suecia e Noruega a Afonso XIII en 1888 e depositado por orde da Raíña Rexente no Museo Naval de Madrid. Permaneceu no Museo de Pontevedra durante algúns anos ata que foi devolto por mor do interese manifestado polo Museo Naval en expoñelo nas súas salas. Para podelo substituír, concluíuse en 1950 no obradoiro do noso museo unha copia exacta que é a que actualmente se exhibe.

A creación por parte de Diego Gelmírez da primeira mariña de guerra da Coroa de Castela está representada por dous modelos de galeras que evocan aquelas construídas seguindo as instrucións dos artífices pisanos e xenoveses contratados polo prelado compostelán.

Probas da importancia que tiña en Pontevedra a Confraría de mareantes expóñense tamén nesta sala: tres privilexios arcebispais nos que se lles fan concesións propias da nobreza ós membros deste gremio ou nos que se lles encomendan labores de protección da pesca na ría, e tres cetros de prata; estes son os do Santísimo, San Miguel e o de Teucro. Este último é o máis antigo (1580) e representa en realidade a Hércules no momento en que está matando ó león de Nemea. Este cetro era levado na festa gremial do Corpus polo “vigairo” ou xefe do gremio elixido anualmente e, con posterioridade, polo máis vello dos mariñeiros da devandita agrupación. Ó gremio de mareantes pertence tamén a naveta do século XVI e o barco de San Telmo do XIX, ambos realizados en prata.

03090001.02.jpg
Cetro de Teucro levado polo vigairo
do Gremio de Mareantes na festa do Corpus
Deputación de Pontevedra Museo de Pontevedra